Logopedia
Alimentación, linguaxe e sistemas alternativos de comunicación
O servizo de logopedia está condicionado polas características da persoa con parálise cerebral e a súa capacidade mental, motriz e sensorial.
O tratamento logopédico céntrase en traballar as áreas de:
- Alimentación e deglución: o tratamento vai encamiñado a mellorar a mobilidade, a sensibilidade e funcionalidade dos órganos fonoarticuladores, así como a manter as funcións do fala, mastigación, deglución, succión e respiración.
- Linguaxe e comunicación: trabállase a linguaxe oral, a linguaxe expresiva e comprensiva, a lectura e a escritura, e a comunicación aumentativa/alternativa.
Ademais destes tratamentos, o departamento de Logopedia realiza as seguintes actividades/talleres:
- Terapia miofuncional orofacial: o obxectivo é tentar corrixir o desequilibrio muscular orofacial, instaurando un novo patrón muscular na deglución, traballando aspectos como a respiración, a succión, a deglución, a mastigación e o fala.
- Adestramento en Sistemas Aumentativos e Alternativos de Comunicación (SAAC): uso de imaxes reais e pictogramas; utilización de tablets e computadores con software de comunicación (The Grid 3), rato de mirada (Tobii), pantallas táctiles...
- Estimulación gustativa: para traballar a área da alimentación (estimular a zona oral, mellorar a motricidade bucolinguofacial, favorecer a deglución, eliminar malos hábitos de alimentación, probar diferentes texturas e sabores....) e adaptar os alimentos.
- Estimulación da linguaxe e a comunicación: neste taller trabállase a comprensión e expresión orais, así como o proceso lectoescritor, utilizando o computador para que a actividade sexa máis lúdica.
- Actividade "Un mar de letras": con esta actividade favorécese a lectoescritura, a creatividade, a imaxinación... a través da creación de historias e contos.

- Actividade "Traballamos a nosa linguaxe": estimulación da linguaxe expresiva e comprensiva a través do deseño e desenvolvemento de actividades que favorezan o aprendizahe dos prerrequisitos da linguaxe, a semántica, a pragmática, categorización, discriminación auditiva, intención comunicativa...
- Actividade "Ao rico punto": elabóranse diferentes pratos con receitas de cociña que son de interese para as persoas participantes e que elas mesmas buscan na internet e despois soben a Instagram.
- Novas tecnoloxías: trabállase a comprensión e a expresión oral, así como o proceso lectoescritor, utilizando o computador para que sexa máis lúdico.
- "Falamos": con esta actividade ensínase a manter unha conversación de forma correcta e fluída, respectando as quendas de palabra, realizando exposicións de forma coherente e organizada, realizando síntese de información e extraendo as ideas principais e secundarias do que se fala na sesión.
- Actividade "Alto e claro" (apoio á radio): o obxectivo desta actividade é favorecer a coordinación fono-respiratoria para mellorar a intelixibilidade do fala e aspectos a nivel lector como a dicción, a fluidez, a entoación, a prosodia...
En definitiva, trátase de aprender as canles receptiva, organizativo-comprensivo e comunicativo-expresivo da linguaxe, facendo fincapé no que cada persoa necesita.
O equipo de Logopedia de ASPACE Coruña traballa en equipo co equipo de Cociña na alimentación texturizada. Se queres saber en qué consiste, contámoscho aquí.