Vivimos y aprendemos con ellos

Vivimos y aprendemos
con ellos

 
Cookies

FUNDACIÓN ASPACE CORUÑA

 

                                                                         

 

A Fundación ASPACE Coruña é unha entidade sen ánimo de lucro que se constituíu ante notario o 24 de xullo de 2012 e que ten como principal obxectivo exercer a protección e apoio integral das persoas con parálise cerebral infantil ou patoloxías asociadas.

 

Inscrita como entidade sen ánimo de lucro de Interese Asistencial no Dog do 7 de xaneiro de 2013 e declarada de Interese Galego o 27 de febreiro de 2013 figurando inscrita co número 2013/03.

 

A creación desta Fundación xorde da necesidade de dar unha resposta á inexistencia dun organismo de apoio específico para as persoas con parálise cerebral en Galicia. A decisión da súa constitución partiu dun acordo da Asemblea Xeral da Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral (ASPACE) da Coruña no ano 2011, xa que a entidade conta cunha demostrada experiencia na atención e coidado deste colectivo durante máis de 35 anos.

 

A Fundación ASPACE Coruña desenvolve as súas actividades principalmente na Comunidade Autónoma de Galicia e o seu domicilio social está en Casteliño, 24 (Osedo), 15160 Sada (A Coruña).

 

A Fundación constituíuse no ano 2012 e é a única de toda Galicia especializada na protección e apoio das persoas con parálise cerebral que carecen de familia ou no caso de tela, non poden facer fronte aos seus coidados.

 

 

Entre os obxectivos da Fundación para os próximos anos é seguir asesorando e sendo un apoio para as familias (a Fundación conta ademais cun servizo de asesoría xurídica atendido por un avogado) e aumentar a atención ás persoas da Fundación apoiadas por figuras como a do asistente persoal (implantouse como experiencia piloto este ano e é unha forma de que as persoas con discapacidade desenvolvan todo o seu potencial e vivan novas experiencias).


A Fundación foi creada a proposta das familias da asociación ASPACE Coruña e impulsada por un pai, Luís Alberto Gordillo de Eguilior, que mostrou a gran preocupación que tiña polo futuro da súa filla cando el faltase.


Así naceu esta entidade, que na actualidade exerce a curatela de catro persoas con parálise cerebral, unha responsabilidade asignada pola autoridade xudicial competente, e o seu labor céntrase en velar polo benestar destas persoas e polo cumprimento dos seus dereitos e deberes, ofrecéndolles un trato individualizado cos apoios necesarios.


Para as familias das persoas con parálise cerebral é un gran apoio, xa que presta asesoramento en materia de protección e apoio no exercicio da capacidade xurídica, algo sobre o que se están recibindo un gran número de consultas pola entrada en vigor da Lei 8/2021 do 2 de xuño que modifica o antigo sistema de incapacitacións e outorga un maior protagonismo ás persoas con discapacidade na planificación da súa vida.
 

 

      Imprimir
         
Miembro de:
Aspace Confederación   Aspace Galicia