A parálise cerebral é unha discapacidade producida por unha lesión no cerebro sobrevida durante a xestación, o parto ou durante os primeiros anos de vida do neno. Xeralmente leva consigo unha discapacidade física en maior ou menor grao, pero tamén pode ir acompañada dunha discapacidade sensorial e/ou intelectual.
Algunhas características da parálise cerebral:
O grao no que esta discapacidade afecta a cada persoa é diferente, e vén determinado polo momento concreto en que se produce o dano. Así, podemos encontrarnos con persoas que conviven cunha parálise cerebral que resulta apenas perceptible, desenvolvendo unha vida totalmente normal, fronte a outras que necesitan do apoio de terceiras persoas para realizar as tarefas máis básicas da súa vida diaria.
A parálise cerebral é unha das causas máis frecuentes de discapacidade motórica, e a máis frecuente en nenos. Estímase que entre un 2 e un 2,5 por cada mil nacidos en España ten parálise cerebral, é dicir, unha de cada 500 persoas. Dito doutra forma, en España hai 120.000 persoas con parálise cerebral e en Galicia en torno a 5.000.
Os trastornos resultantes da parálise cerebral son múltiples e complexos. O máis frecuente e evidente caracterízase por alteracións na postura, ton muscular e movemento. Tamén poden asociarse trastornos sensoriais, perceptivos, cognitivos, respiratorios, epilepsia, trastornos da linguaxe, de conduta, etc.
É moi importante saber que a parálise cerebral non se pode curar. Estritamente non é unha enfermidade, pois a parálise cerebral, como tal, non require de ningún tratamento, nin farmacolóxico nin terapéutico. Non obstante, os síntomas desta discapacidade si que poden ser tratados, especialmente dende catro áreas fundamentais: fisioterapia, logopedia, apoios educativos e terapia ocupacional.
Así, se a persoa recibe unha atención axeitada que lle axude a mellorar os seus movementos, estimule o seu desenvolvemento intelectual, desenvolva a súa comunicación e potencie as súas habilidades sociais, poderá alcanzar importantes niveis de autonomía e levar unha vida plena.
O desenvolvemento desta WEB foi posible grazas ao
mecenado da Fundación Barrié e a RSC de Edisa.