Aniversario > Saúda do presidente

Saúda do presidente

 

 

Estimados amigos/as,                                                                                                

ASPACE Coruña celebra este ano o seu 40 aniversario. Desde aquel 29 de xaneiro de 1977, cando un grupo de nais e pais constituíron a entidade para mellorar a calidade de vida dos seus fillos, a nosa asociación experimentou un gran cambio.


Foron catro décadas de traballo, de bos e malos momentos, de proxectos innovadores, de ilusións compartidas. 40 anos de historias vividas xunto ás persoas con parálise cerebral e as súas familias, que son e sempre serán a razón de ser da nosa organización e o motivo para seguir moitos anos máis.


ASPACE Coruña comezou nun local do Santiago Apóstol, e posteriormente trasladou a súa actividade a unha casa en Cambre. Co esforzo de moitos, conseguiu poñer en funcionamento en Sada un Centro de Educación Especial, un Centro de Día e dúas Residencias, conseguindo ofrecer servizos de gran calidade e numerosas actividades, cos que se dá resposta ás necesidades e demandas das persoas con parálise cerebral.


Pero este camiño non o percorremos sós. Usuarios, familias, socios, directiva, voluntarios, profesionais, institucións públicas e privadas, cidadáns... moitos nos axudastes a chegar ata aquí. E con todos vós queremos celebrar o noso 40 aniversario. Será un ano intenso, cheo de actividades que iremos contando nos próximos meses, onde fagamos unha merecida homenaxe á nosa historia e demos tamén pinceladas do que nos gustaría ser no futuro. E ese paso cara a adiante empeza co lanzamento dunha nova imaxe, cun logo que mantén as cores representativas da nosa organización pero cun aspecto máis sinxelo e moderno.


Queremos que vivades connosco este 40 aniversario e desexamos contar coa vosa presenza nos actos que celebremos, para que xuntos deamos visibilidade ás persoas con parálise cerebral, logremos derrubar barreiras e consigamos que a súa vida sexa máis plena e feliz.

 

Antolín Rodríguez Martínez

Presidente

      Mostra este informe sen cabeceiras para imprimilo Imprimir
MATERIAIS RELACIONADOS
Imaxes
  • 1 de 2